No segundo semestre de 2023, conseguimos participar en dous lotes dunha licitación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para a dixitalización de Bens de Interese Cultural privados e pertencentes a outras administracións.
O territorio que abarcaban os dous lotes foi moi amplo e diverso xa que un deles se correspondía coa Mariña Oriental, Os Ancares e Quiroga e o outro coas comarcas de O Carballiño, O Ribeiro, O Condado e Pontevedra.
Categorizaron os elementos protexidos en función da súa tipoloxía:
1ª categoría: incluía tanto as Paisaxes Culturais como os Conxuntos Históricos e Lugares de Valor Etnolóxico.
Tivemos a sorte de documentar lugares tan fermosos e complexos como as aldeas de Seceda e Froxán nos Ancares, o núcleos históricos de Ribadavia, Combarro, Pontevedra e Ribadeo e o Conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro.
2ª categoría: comprendía os bens da Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, os Sitios e Xardíns Históricos, as Catedrais, Mosteiros, Abadías e Conventos.
No noso caso, documentamos por exemplo os mosteiros de Oseira, de Lérez, de San Clodio e de Poio entre outros moitos bens.
3ª categoría: por último, estaban encadradas nesta terceira categoría os Castelos e Fortalezas, os Xacementos arqueolóxicos e aqueloutros BIC non especificados con anterioridade.
Realizáronse reportaxes de Bens de Interese Cultural moi diversos, xa que no noso listado había por unha parte numerosos castelos, castros, fortalezas, torres e xacementos arqueolóxicos, como os castelos de Doiras, Carbedo, Navia e Quindous; castros de Troña e Cervantes; ou o xacemento romano de Montefurado.
Por outra banda, documentáronse BICs que teñen esa categoría polo seu contido, como a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, os Museos do Viño, o Museo Etnográfico de Ribadavia e o Museo de Provincial de Pontevedra e o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
Cliente
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia
Lugar
Comarcas de A Mariña Oriental, Os Ancares e Quiroga e O Carballiño, O Ribeiro, O Condado e Pontevedra
Data
2023
Servizos
Tags
Web do proxecto