Patrimonio e historia de Vigo

Elaboración de contidos divulgativos para a web e app do concello de Vigo

A través deste proxecto buscábase dotar á web e aplicación móbil do concello de Vigo de novos contidos de carácter divulgativo relativos a súa historia e o seu patrimonio cultural, cunha dobre orientación: tanto para a veciñanza xeral como para os visitantes da cidade.

Para a súa elaboración partiuse de unha exhaustiva revisión de fontes bibliográficas e documentais, entre elas: cartográficas, fotográficas, museográficas e urbanísticas, dende onde construír un relato sobre a historia de Vigo e seleccionar aqueles elementos máis significativos do seu patrimonio cultural, organizados en varios catálogos: arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico, de monumentos públicos e persoeiros da cidade.

 

A historia de Vigo, contada dende a prehistoria remota ata a actualidade, funciona como columna vertebral do proxecto, contextualizando, articulando e relacionando os restantes contidos, posibilitando a navegación entre eles e mostrando as súas múltiples e variadas conexións. Deste xeito se facilitan diferentes lecturas sobre as que aproximarse á historia local como as tres propostas a través do recorridos temáticos.

 

Para a presentación dos contidos se empregaron diferentes ferramentas dixitais interactivas coa finalidade de facilitar o acceso aos mesmos, como cos modelos fotogramétricos 3D, ofrecer novas perspectivas a través dos tours virtuais 360º, e tamén mellorar a interpretación e visualización xeral dos contidos cos visores cartográficos.

Co obxectivo de levar os contidos ao terreo e poder coñecelos in situ, desenvolvéronse 7 rutas que abordan diferentes dimensións da cidade, accesibles tanto dende a web e dende a aplicación móbil, integrando diferentes elementos da historia e dos catalogas así como fotografías históricas procedentes do Arquivo Pacheco do concello de Vigo.

Estas rutas e o relato sobre a historia de Vigo tamén se nutren da colección de postais históricas do concello, dixitalizadas para o proxecto e accesible dende a web creada “Recordo de Vigo”.

Ademais do equipo habitual de NOSO cooperativa participaron de forma directa na execución do proxecto Irene Blanco e Nuria Sobral, xunto a diversas colaboradoras externas e o apoio de profesionais adscritos a diferentes institucións, como o Museo Quiñones de León e o Archivo Pacheco, e das concellarías de Patrimonio Histórico e Cultura do concello de Vigo, baixo a dirección de Javier Albertos Benayas.