Vivir do mar é unha guía de carácter divulgativo sobre a pesca e marisqueo tradicional que ten lugar nas augas das illas atlánticas, elaborada para o PNIAG, (Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia).

Partindo da descrición física do entorno do Parque e da súa paisaxe mariña, os contidos da publicación atenden a diferentes aspectos destas actividades tradicionais, poñendo especial énfase na súa dimensión cultural.

A guía conta con cinco capítulos. Tras unha breve aproximación aos protagonistas e a forma de organización do sector, se describen os sistemas de pesca empregados polas comunidades mariñeiras así como os medios materiais e intelectuais que poñen en práctica no seu día a día. O penúltimo dos capítulos se centra nas formas de xestión dos recursos e os axentes que participan na mesma. Finalmente, faise un breve apunte sobre a situación actual da pesca artesanal no PNIAG.

Para a elaboración da guía durante o 2023 fixéronse numerosas entrevistas abertas de carácter etnográfico para documentar a pesca e marisqueo tradicional, así como os cambios que estas actividades sufriron nas últimas décadas.

A súa elaboración non podería ter sido feita sen a participación desinteresada de membros de diferentes confrarías e asociacións, mariñeiros e mariscadoras, e diferentes artesáns que manteñen oficios en terra necesarios para a actividade do mar: atadoras e carpinteiros de ribeira. Todos e todas nos transmitiron o profundo coñecemento que teñen do mar e duns oficios que nas costas galegas se perden na memoria dos tempos.

Cliente

Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Lugar

Área de influencia do PNIAG

Data

2023

Servizos

Tags

Web do proxecto