O proxecto

En que consiste?

Trátase do deseño e auto edición dun xogo de mesa de cartas, de xogabilidade sinxela, para todos os públicos, co obxectivo de divulgar a historia e vitalidade cultural do reino Suevo de Galicia a través dos contidos das cartas: personaxes singulares e grupos sociais, lugares, crenzas, obxectos e creacións culturais, etc.

Quen o fixo?

  • NOSO Cooperativa

  • As ilustracións foron creadas por Luis Miguel Fernández

Agradecementos

Este proxecto non tería sido posible sen o apoio da Deputación de Coruña xa que é resultado do premio obtido dentro do Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia” no ano 2023/24”

A Historia

Roma, tras varios séculos como potencia hexemónica no mundo Mediterráneo e na Europa occidental, vive o seu ocaso no occidente europeo. A entrada dos pobos xermánicos na Península Ibérica no ano 409 procedentes do norte de Europa acelera a súa descomposición. Na provincia de Gallaecia os Suevos asumen o control político do territorio, fundando o que será o primeiro reino medieval de Europa: o Reino Suevo de Galicia.

Coa liñaxe de Hermerico, Requila e Requiario, os primeiros monarcas galaicos, o reino acada a súa máxima expansión territorial. A confrontación cos visigodos, o outro poder emerxente na Península Ibérica, e a morte de Requiairo a mans destes, desembocará nunha rebelión e guerra civil polo control do Reino.

A restauración da paz e a unidade coincide co inicio dun período escuro onde as crónicas enmudecen ata un século despois cando o Reino reaparece nas fontes no seu cénit. Este foi o último período de esplendor baixo os últimos monarcas suevos antes da súa anexión ao reino visigodo de Toledo a mans de Leovixildo no ano 585.

Obxectivos

Consolida o Reino Suevo baixo o teu liderado empregando para elo diferentes estratexias que decanten a vitoria para o teu lado: amplía os teus dominios territoriais, usa a relixión como estratexia de cohesión e apoio popular ou adquire riquezas e poder económico.

Constrúe un mazo gañador coa mellor combinación de cartas posibles, e acada a máxima puntuación mentres mantés a raia aos teus opoñentes e adversarios a liderar o Reino de Galicia.

Máis información de persoaxes, obxectos e máis…

Monarquía 

Outros Personaxes 

Obxectos

Relixións e crenzas

Lugares