Relixións e Crenzas no Reino Suevo

No seo do Reino Suevo de Galicia conviviron diferentes crenzas, dende a os cultos e prácticas ancestrais dos indíxenas presentes dende antes da chegada dos romanos, as propias destes, e as traídas pola poboación sueva, ata a nova relixión procedente de Oriente: o cristianismo.

Declarada relixión oficial do Imperio romano dende o ano 380, o proceso de cristianización acelérase tanto a través da actividade institucional, mediante a prohibición das prácticas e cultos pagás, como a través da actividade evanxelizadora. Ao mesmo tempo, no seo do cristianismo primitivo ten lugar a loita entre diferentes correntes por erixirse como a ortodoxia, condenándose outras visións que serán perseguidas ao ser declaradas como heréticas.

En todo caso, a expansión do cristianismo no territorio de Galicia foi un proceso lento e tardío respecto a outros espazos máis próximos aos focos principais de difusión, iniciándose a partires do séculos III e IV.

O propio San Martiño de Dumio, o coñecido como apóstolo dos suevos, a altura do século VI carga contra as crenzas pagás que aínda sobreviven na poboación local, no seu escrito “De correctiore rusticorum”.

Catolicismo

É o catolicismo a principal corrente no seo da relixión Cristiá, estando os seus seguidores baixo a autoridade do bispo de Roma considerado o representante de Cristo na terra. As bases da fe e doutrina católica establecéronse ao longo do século IV nos concilios de Nicea I e Constantinopla. Nesa altura, o principal adversario na definición da ortodoxia cristiá era o arianismo, que foi condenado no propio concilio de Nicea.

Principais Persoaxes

Arianismo

Corrente no seo do cristianismo impulsada polo asceta Arrio nado no século III. A principal diferencia e controversia co catolicismo versaba sobre a natureza da Santísima Trindade e de Cristo, rexeitando que este fora eterno como Deus Pai, senón enxendrado por el, a súa creación máis elevada.

Emperadores romanos e posteriormente pobos xermanos como os visigodos, vándalos e lombardos profesaron o arianismo, a pesares de que foi declarado herético polos católicos xa no século IV.

Principais Persoaxes

Priscilianismo

Foi o priscilianismo unha corrente ascética no seo da doutrina cristiá liderada por Prisciliano xurdida no século IV. As súas principais prédicas eran a busca da perfección espiritual a través da práctica ascética e a renuncia ao consumo de alcohol e a carne. Rexeitaba a escravitude e promulgou a igualdade entre homes e mulleres na participación na vida relixiosa.

Enfrontouse á xerarquía eclesiástica ao considerar que a revelación podía alcanzarse de xeito individual sen a necesidade da intermediación da Igrexa.

O priscilianismo foi acusado de herexía e Prisciliano executado. A pesares de todo durante varios séculos o seu movemento gozará dun gran vigor no territorio da antiga provincia de Gallaecia, especialmente no mundo rural e entre as mulleres.

Principais Persoaxes

Paganismo

Baixo a denominación de paganismo agrúpanse o conxunto diverso de crenzas e prácticas relixiosas da poboación sueva, o coñecido como paganismo xermánico, como as da poboación indíxena galaico-romana, entre a que sobreviven tanto os cultos ancestrais prerromanos como os propios traídos polos romanos.

Crenzas e prácticas que baixo novas fórmulas se manterán ata moito tempo despois da chegada e implantación do cristianismo.

Principais Persoaxes