Outros eventos, procesos e accións presentes no xogo

Dentro da dinámica do xogo, están presentes cartas de acción que foron pensadas para unha maior interacción entre os xogadores. Para todas elas recurriuse a conceptos ou eventos presentes na historia do Reino Suevo de Galicia co gallo de ofrecer maior información do contexto vivido fora de persoaxe concreto.

Que foron os Foedus?

Era o foedus tratado vinculante entre Roma e outra entidade política polo que se establecía un acordo de axuda mútua. Na súa relación cos pobos “bárbaros” o Imperio romano establecería numerosos foedus.

Non hai certeza absoluta da existencia dun pacto entre o pobo dos suevos e Roma asinado entre Hermerico, primeiro rei suevo de Galicia, e Honorio, emperador romano á altura, porén, moi posiblemente, este tivera lugar con posterioridade como forma de dar natureza “legal” ao seu asentamento en Gallaecia.

Que provocou a Guerra Civil Sueva?

A morte de Requiario no ano 456 en Porto, último da liñaxe fundadora do Reino Suevo, a mans do rei visigodo Teodorico II, da inicio a un periodo de rebelión sueva fronte ao novo monarca Aguiulfo nomeado polo godo. Asasinado, iníciase unha guerra civil entre diferentes faccións suevas por facerse co poder, dividíndose o reino en dúas entidades políticas, unha ao norte coa capital en Lucus e outra ao sur con dobre capitalidade en Bracara e Portucalem.

Tras loitas fratricidas será Remismundo quen finalmente consiga pacificar e reunificar o reino.

Porque hai un período escuro no reino?

O Cronicón de Hidacio relata a historia do Reino dende o momento en que os suevos atravesan os Pirineos e se asentan en Gallaecia ata a morte do cronista arredor dos anos 468 e 469, momento no que unha sombra se estende sobre o devir da monarquía suevo-galaica.

Terá que pasar case mais dun século ata que outros cronistas vertan luz sobre os últimos tempos do Reino Suevo ata caer baixo o dominio dos visigodos no ano 585.

Foi época de conquista de territorios?

Consolidado o reino foron moitos os monarcas que seguiron unha polítca expansionista buscando dominar aos veciños e expandir as fronteiras.

Ao longo dos séculos de existencia independiente do Reino Suevo a súa extensión foi variando dende o núcleo central na antiga provincia romana de Gallaecia ata chegar a ocupar e dominar gran parte do territorio de Hispania.

A disputa e conflitos cos visigodos acabaría por devolver aos Suevos ao seu territorio fundacional polo empuxe destes.

Foi época de grandes magnicidios?

En momentos de debilidade do reino, as loitas descarnadas e fratricidas por ocupar o poder, fixeron do asasinato dos líderes políticos e militares unha vía para acceder ao mesmo.

Pillaxes, roubos e asaltos

Foi a pillaxe e o saqueo unha práctica habitual á chegada dos suevos ao territorio como estratexia de supervivencia, tamén, unha vez asentados plenamente, como forma de guerra e de obtención de botíns.

Cambios nas crenzas

Durante o período do Reino Suevo foi habitual que os gobernantes e as elites se converteran a outras crenzas motivados fundamentalmente por cuestións políticas ou de alianzas, movidos por líderes relixiosos ou misioneiros como Aiax ou Martiño de Dumio. Tamén foi unha forma de cohesionar o Reino buscando adoptar a relixión maioritaria que profesaba a poboación local.

Foi así mesmo un período onde se desatou o conflito entre as diferentes correntes no seo do cristianismo por impoñerse como a ortodoxia, buscando pare elo a conversión dos fieles e a persecución das consideradas prácticas heréticas.